Buscar
  • Portocabo

Hierro, da galega Portocabo, única serie española seleccionada no prestixioso festival Series Mania



  • O proxecto estará presente na sección Panorama Internacional con outras ficcións como a británica Les Misérables, a arxentina Monzón, a alemá 8 Days ou a coreana The Guest

  • O festival terá lugar entre os próximos 22 e 30 de marzo en Lille, Francia


22 de febreiro do 2019. - O festival Series Mania vén de anunciar recentemente a programación da súa sección Panorama Internacional, entre a que se atopa a serie Hierro, da produtora galega Portocabo. A ficción, que é unha coprodución televisiva entre España (Portocabo) e Francia (Atlantique Productions), para Movistar+ e Arte, estreará durante o festival francés dous dos capítulos deste thriller ambientado na remota illa canaria de El Hierro.


Con dirección de Jorge Coira, produción executiva de Alfonso Blanco,un equipo de guión formado por Fran Araújo, Araceli Gonda, Coral Cruz, Carlos Portela, Pepe Coira, e baseándose nunha idea orixinal deste último, a serie competirá xunto con outras quince ficcións procedentes de diversos lugares do mundo entre as que se atopan a británica Les Misérables, a arxentina Monzón, a alemá 8 Days ou a coreana The Guest.

Hierro, que foi filmada no pasado ano e se estreará ao longo deste 2019 en Movistar +, é un thriller que narra a historia de Candela (Candela Peña), xuíza experta e de forte carácter.

Xusto cando está recén chegada ao seu novo e estraño destino, El Hierro, tócalle enfrontarse a un caso de asasinato. Todos alí pensan que o culpable é Díaz (Dario Grandinetti), un turbio empresario, tan empeñado como a xuíza en atopar ao asasino. Ela, por facer o seu traballo. El, por demostrar a súa inocencia. Ambos se adentrarán nun camiño físico e emocional… un camiño ao inferno que comeza no paraíso.


Series Mania, punto de encontro da televisión internacional


Series Mania, que se celebrará entre os próximos 22 e 30 de marzo en Lille (Francia), é un dos foros de coprodución de televisión máis importantes de toda Europa. Na súa última edición, o festival recibiu case 60.000 visitantes e máis de 2.000 profesionais entre os que se atopan creadores, guionistas, directores e diversos talentos. Na actualidade, Series Mania está considerado un punto de encontro para a televisión internacional e conta, ademais, co recoñecemento de público e industria de todos os lugares do mundo.

0 vistas0 comentarios

© Portocabo 2021.  Aviso legal.