top of page
Search
  • Writer's picturePortocabo

Arranca +Cuñados: Portocabo confirma a secuela da película Cuñados

Dous anos despois da súa estrea en salas de cine, a produtora xa prepara a segunda parte desta comedia que empezará a rodarse nas próximas semanas na provincia de Ourense


Portocabo, a produtora de éxitos como Hierro ou Rapa, confirmou que xa está en marcha +Cuñados, a secuela da película Cuñados. Esta nova comedia galega comezará a rodarse nas próximas semanas e terá como escenario principal a provincia de Ourense. Arranca así un proxecto moi agardado, cando se cumplen dous anos da chegada aos cines da primeira parte que se converteu no seu momento na película coa maior estrea na historia do cine en galego.



+Cuñados contará de novo co mesmo elenco principal da primeira entrega: Xosé A. Touriñán, Miguel de Lira, Federico Pérez Rey, Eva Fernández, María Vázquez, Iolanda Muíños e Mela Casal.


A película é unha produción de Portocabo que conta coa participación de RTVE, TVG e Movistar Plus+, o patrocinio da Deputación de Ourense e a subvención da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).



Sinopse de +Cuñados

Esta nova aventura dos cuñados arranca coa aparición dun cadáver xusto no medio da ponte internacional de Tui. Este feito vén do ocurrido uns días antes… Chega o Entroido e a familia Ribeiro prepárase para gozar das festas favoritas de todo bo ourensán. Pasaron dous anos da detención de Alicia Zamora e o seu socio portugues. Os cuñados montaron un posto de polbo en Ourense, a forma perfecta de branquear o diñeiro do botín que lles caeu do ceo (literalmente). Entre unha cousa e outra, Modesto converteuse nun cuñado máis da familia. A aparición en Ourense de Andreia Nunes (a parella do portugues detido) buscando vinganza, complicarálles as cousas aos cuñados, meténdoos nun novo enredo que convertirá este Entroido nun auténtico baile de máscaras.


O equipo e as localizacións


Liderando o equipo técnico da película atópanse grandes profesionais do audiovisual galego como Alfonso Blanco (produción executiva), Luis Avilés (dirección), Araceli Gonda (guión), Santi Jul e Iván Laxe (música orixinal), Sergio Franco (dirección de fotografía), Ana Míguez e Javier López (dirección de produción), Diego Méndez (coordinador de dirección), Juan Gay (son), Lu Rodríguez (montaxe), Andrea Pozo (dirección artística), Saturna (vestiario) e Fanny Bello (maquillaxe).


A provincia de Ourense volverá ser o escenario principal e a zona do Ribeiro tamén terá unha especial presenza nos acontecementos que se desenvolven na película. Ademais, en +Cuñados o público poderá percorrer xunto aos protagonistas as rúas da cidade de Ourense preparadas para acoller a festa máis agardada do ano: o Entroido ourensán. Como en todos os proxectos de Portocabo, o espazo terá unha relevancia especial na historia, representado a través da cultura e tradicións do lugar.



O éxito da primeira entrega


O film Cuñados logrou a maior estrea na historia do cine en galego, con máis de 120 salas no seu primeiro fin de semana. Conseguiu que miles de espectadores volveran ao cine en tempos de pandemia e no seu momento situouse como a mellor estrea española do 2021. Tras a súa viaxe por salas de cine, a película foi vendida a outros territorios internacionais como Grecia, Suíza ou toda latinoamérica. E percorreu decenas de localidades de Galicia e Portugal, baixo os diferentes ciclos estivais que se realizaron.


Seguindo a estela de Cuñados, esta secuela propón de novo unha longametraxe que fale da cultura e idiosincrasia galega e da súa especial maneira de facer rir. Cun elenco e equipo técnico galego e rodada integramente en Galicia, +Cuñados continúa coa aposta por facer grandes comedias familiares en galego.




+ Cuñados Ficha técnica

-------------

Xénero: comedia

Duración: 90 minutos

Idioma: galego

Produtora: Portocabo


Produción executiva: Alfonso Blanco

Dirección: Luis Avilés

Guión: Araceli Gonda

Música orixinal: Santi Jul e Iván Laxe

Director de fotografía: Sergio Franco

Dirección de produción: Ana Míguez e Javier López

Coordinador de dirección: Diego Méndez

Son: Juan Gay

Edición: Lu Rodríguez

Dirección artística: Andrea Pozo

Vestiario: Saturna

Maquillaxe: Fanny Bello


4 views0 comments
bottom of page