Ao galardón de mellor serie, sumóuselle o de mellor interpretación feminina (Lucía Veiga), mellor interpretación feminina de reparto (Berta Ojea) e mellor montaxe (Jorge Coira, Gaspar Broullón, Óscar Pardo e Lucía Iglesias)
Alfonso Blanco "Fosco", recogiendo el premio a mejor serie
Centos de profesionais reuníronse onte no Auditorio Municipal de Ourense para celebrar a gran noite do audiovisual galego. Unha nova edición dos Premios Mestre Mateo que destacou pola proxección nacional e internacional das obras candidatas.
A serie 'Rapa', producida por Movistar Plus+ en colaboración con Portocabo e co apoio do Hub Audiovisual da Xunta de Galicia xestionado pola AGADIC, foi a segunda gran triunfadora da noite, só por detrás de ‘O Corpo Aberto’, levándose o galardón de mellor serie e sumando un total de 4 estatuíñas, entre as que se atopan a de mellor interpretación feminina (Lucía Veiga), mellor interpretación feminina de reparto (Berta Ojea) e mellor montaxe (Jorge Coira, Gaspar Broullón, Óscar Pardo e Lucía Iglesias)
Alfonso Blanco “Fosco”, o produtor executivo da serie, subiu a recibir o premio de mellor serie e recordou no seu discurso á xente de Ferrolterra e especialmente aos besteiros da Capelada. O ourensán agradeceulles o traballo que realizan para manter a tradición: “ese monte comunal e esas bestas que viven alí acontecen pola voluntade duns cantos. Este premio vai para a resiliencia dos besteiros da Capelada”.
Éxito de Rapa
Creada por Pepe Coira e Fran Araújo, dirixida por Jorge Coira e Elena Trapé e con Alfonso Blanco (Portocabo), Domingo Corral (Movistar Plus+) e Susana Herreras (Movistar Plus+) como produtores executivos, a primeira entrega deste thriller coronouse como a mellor estrea da plataforma dende a segunda tempada de 'Hierro', tamén en colaboración con Portocabo.
A trama de 'Rapa' arranca co asasinato da alcaldesa de Cedeira. A investigación do crime convértese no obxectivo de Maite (Mónica López), sarxenta da Garda Civil, que tentará pescudar quen a matou e por que. Tomás (Javier Cámara) é a única testemuña dos feitos e converterase en alguén fundamental para Maite na investigación do asasinato.
Ademais das boas cifras de visualización na plataforma e das críticas positivas, a serie tivo un gran recoñecemento na tempada de premios. A estes galardóns recentemente conseguidos súmaselle un Premio Forqué (tres candidaturas), un Premio Iris (catro candidaturas) ou catro candidaturas aos Premios Feroz.
Segunda temporada
A serie continúa a súa andaina cunha segunda tempada de seis episodios que xa está gravada e que levará a Maite e Tomás a Ferrol, onde dous casos sen resolver volverá a reunilos. Maite entrará no Arsenal, un mundo hermético con regras moi estritas, onde un oficial desapareceu. Tomás, pola súa parte insistirá en resolver un caso de asasinato que está a piques de prescribir despois de 20 anos.
Esta segunda entrega conta coa dirección de Rafa Montesinos ('El inmortal', 'Parot', 'La caza') e Marta Pahissa ('Cites', 'Pulseras Rojas', 'Smiley'). Xunto a Javier Cámara e Mónica López, completan o reparto, entre outros, Carlos Blanco, Federico Pérez Rey, Evaristo Calvo, Melania Cruz, Darío Loureiro, Iolanda Muíños, Chisco Amado, Adrián Ríos, Lara Boedo e Fran Lareu.
As dúas tempadas de 'Rapa' contan co apoio do Hub Audiovisual da Xunta financiado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) dentro do Eixo REACT-UE.
Commentaires